Amosando publicacións coa etiqueta eleccións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta eleccións. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de novembro de 2018

ELECCIÓNS AO CONSELLO ESCOLAR


Animamosvos a participar no Consello Escolar, neste enlace tendes toda a información (Consello Escolar), e se queredes saber máis preguntade na escola.







xoves, 12 de abril de 2018

CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA ANPA

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha Asemblea Extraordinaria, que se celebrará o mércores día 18 de abril, ás 18.30 en primeira convocatoria e ás 19.00 en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

1.     Comunicación de baixas de dúas vogais na Xunta Directiva.
2.     Elección de dous novos/dúas novas vogais.

Haberá servizo de gardería de 19:00h a 20:00h para quen o precise.


Animamos aos socios ou socias que estén interesados en participar activamente no funcionamento do colexio a que se presenten como candidatos/as para formar parte da Xunta Directiva.

mércores, 22 de novembro de 2017

Presentación da nova xunta directiva

Hoxe, mércores 22 de novembro de 2017 celebrouse unha asemblea extraordinaria de socios da ANPA para renovar a xunta directiva.


Presentouse unha única candidatura composta polas seguintes persoas:
  • Presidenta: Noela Quintana Martínez
  • Vicepresidenta: Xandra Revenga López
  • Secretaria: Carolina Arán Bernal
  • Tesoureiro: Javier González Paz
  • 1º Vogal: Daniel Boullosa Cortegoso
  • 2ª Vogal: María Curra Gamallo
  • 3ª Vogal: María Seco Piñeiro
Presentámonos:
Somos un grupo de pais e nais, dos cales algúns de nós xa pertencemos á xunta directiva da ANPA, e todos somos socios desta.
Cremos nunha escola pública e de calidade, de todos e para todos. Estamos convencidos tamén de que a ANPA xoga un importante papel na defensa desta educación.
O próposito deste proxecto é promover a identidade da ANPA como membro activo dentro da comunidade educativa, creando unha asociación aberta e dialogante, capaz de dar respostas e solucións a aquelas necesidades, carencias e melloras que poidamos ofrecerlle ao noso centro, e polo tanto, aos nosos nenos/as.
Propoñémonos uns obxectivos principais:
  • Establecer unha comunicación aberta e fluida cos distintos colectivos da comunidade educativa (familias, profesorado e alumnado) e os órganos de goberno que os representan (equipo directivo, Consello Escolar e Claustro de profesores/as).

  • Colaborar de maneira activa, eficaz e eficiente nas actividades educativas do centro e as súas necesidades dentro do marco do Proxecto Educativo.

  • Manter vivos os distintos mecanismos de participación e comunicación existentes e crear novos cando xurda a necesidade, co obxecto de facilitar a transparencia e a difusión das opinións dos socios, de xeito seguro e fiable.

  • Continuar coa xestión e supervisión das actividades extraescolares e doutras complementarias que poidan xurdir.

  • Buscar financiación para dar resposta ás necesidades que ten o noso centro a través de iniciativas propias organizadas pola ANPA, así como solicitar cantas axudas e subvencións poidamos pedir das Administracións Públicas competentes ou iniciativas privadas.

  • Asistir aos pais/nais/titores legais do alumnado en todas aquelas problemáticas ou iniciativas que se presenten, así como dar orientación en situacións puntuais de incertidume como son os inicios de curso, a incorporación de novas familias ao centro, etc.

Cremos firmemente na posibilidade de que na nosa ANPA se poidan defender distintas propostas e chegar a acordos a través do diálogo, porque a mellor educación para os nosos fillos/as é o exemplo que lles damos no día a día. Para iso, comprometémonos a poñer toda a ilusión, esforzo e dedicación e tratar de detectar, corrixir e mellorar os problemas que poidan xurdir e estean dentro do noso ámbito de actuación.

Por todo o anterior, animámosvos a participar en cantos debates se formulen, a asistir e opinar nas asembleas e, no caso de que o consideredes oportuno, a apoiar a nosa candidatura.


xoves, 26 de outubro de 2017

Convocatoria de asembleas ordinaria e extraordinaria

CONVOCATORIA ASEMBLEA ORDINARIA ANPA

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha asemblea ordinaria, que se celebrará o mércores día 22 de novembro de 2017, ás 18:30h en primeira convocatoria e ás 19:00h en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación da acta anterior.
  2. Aprobación de contas curso 2016-17.
  3. Presentación de memoria de actividades curso 2016-17.
  4. Rolda de intervencións.




CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA ANPA

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha asemblea extraordinaria, que se celebrará o mércores día 22 de novembro de 2017, ás 19.00h en primeira convocatoria e ás 19:30h en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

  1. Eleccións da xunta directiva.



Haberá servizo de gardería de 19:00h a 20:00h para todos os que o precisedes.


As candidaturas á xunta directiva presentaranse por escrito dirixido ao secretario da asociación dende a data da convocatoria da asemblea extraordinaria e ata o día e hora das votacións.
O procedemento de elección será o seguinte:
a) Presentación de candidaturas ata o momento da asemblea na que se farán as votacións para a elección.
b) Cada candidatura disporá dun máximo de 10 minutos para a súa presentación aos asociados, decidindo a orde de intervencións nun sorteo previo.
c) As votacións faranse polo procedemento de voto secreto en urna.
d) Cada socio con dereito a voto, previa presentación da súa identificación, depositará o seu voto na urna elixindo unha das candidaturas.
e) O secretario, en presencia dos candidatos e todos os socios que o desexen, fará o reconto de votos unha vez finalizada a votación. No caso de empate a votos, procederase a unha segunda rolda de votacións para decidir só entre as candidaturas empatadas con maior número de votos.
f) Proclamarase vencedora a lista máis votada; e, por conseguinte, quedarán investidos todos os seus membros como nova xunta directiva.
g) De non terse presentado ningunha candidatura ata o momento do comezo da sesión de votacións, a asemblea xeral poderá nomear un presidente que quedará facultado para elixir o resto de cargos entre os socios.


O censo será pechado coa data da convocatoria, 25 de outubro do 2017.

(Podedes consultar o texto completo dos novos estatutos AQUÍ).  

sábado, 21 de outubro de 2017

Renovación da xunta directiva



O próximo mes de novembro celebraremos unha Asemblea Ordinaria para todos os socios na que aprobaremos contas e faremos unha memoria das actividades realizadas.  

A continuación, celebraremos unha Asemblea Extraordinaria para renovar a xunta directiva actual. É por iso que vos queremos animar a todos os socios a que presentedes a vosa candidatura para formar parte da xunta directiva da ANPA.

Cada candidatura débese compoñer de 7 socios, tal e como se establece nos estatutos que aprobamos en asemblea o curso pasado e que foron aprobados recentemente pola Xunta de Galicia (podedes consultar o documento completo 
AQUÍ. O artigo 13º refírese ao proceso de renovación da xunta directiva). 

Informaremos por distintos medios sobre a data desta asemblea no momento en que se convoque oficialmente, cos prazos e a forma para presentar as candidaturas.

De momento simplemente vos queremos avisar para que o vaiades pensando e vos vaiades organizando. A xunta directiva actual deixámolo, algúns porque os nosos fillos/as se van do colexio, e todos porque cremos que é necesario a renovación para activar a asociación. O sistema educativo necesita das nais e pais e as vosas fillas e fillos agradeceránvolo. 

Animádevos a participar!


luns, 21 de novembro de 2016

Eleccións ao Consello Escolar

A votación para elixir aos representantes de nais e pais no Consello Escolar será o martes día 29 de novembro dende as 9:00h ata as 10:30h, de 13:00h a 14:15h e das 16:30h ás 17:30h. Corresponde elixir a dous candidatos.

Teñen dereito a elixir e ser elixido tanto o pai como a nai ou, se é o caso, os titores legais. O voto será secreto, directo e non delegable. Cada elector deberá acreditar a súa personalidade mediante a presentación do DNI ou calquera outro documento acreditativo e fará constar na papeleta un nome da lista de candidatos.

Lista de candidatos:

ROMÁN DEL RÍO NOVOA

JORGE M. GOITIA PAISA

XANDRA REVENGA LÓPEZ

mércores, 9 de novembro de 2016

Eleccións ao Consello Escolar

Está aberto o prazo para a presentación de candidaturas para o Consello Escolar. Se estades interesados en presentarvos para poder participar na vida escolar e contribuír a un mellor funcionamento do centro, podedes facelo entre os días 4 e 11 de novembro na dirección do centro. 

Durante as mesmas datas (do 4 ata o 11 de novembro) tamén estarán expostos os Censos Electorais. É aconsellable que comprobedes se os vosos datos son correctos.