xoves, 30 de novembro de 2017

Ludotecas e obradoiros de Nadal

As Ludotecas de Nadal organizadas por FANPA terán lugar do 22 de decembro ao 5 de xaneiro. O prazo de inscrición comeza o 11 de decembro e remata o 14. A inscrición poderá realizarse en liña desde nontedurmas.org ou presencialmente na sede social da FANPA (rúa Xan Guillerme, 9).

Podedes atopar toda a información e descargar a ficha de inscrición no seguinte enlace: http://www.nontedurmas.org/actividades/inscricion-no-ludonadal-2017/

Ademais das ludotecas, a FANPA organiza tamén nas mesmas datas uns obradoiros de Jumping Clay e Cociña (este, para nenos/as de idades entre 6 e 14 anos).

Estes obradoiros son independentes (pódese escoller que días se quere asistir e págase por día). Para inscribirse débese cubrir e entregar persoalmente a ficha na sede da FANPA (rúa Xan Guillerme, 9) , onde se fará o pagamento en efectivo. 

A información completa e máis a ficha de inscrición están dispoñibles neste outro enlace: http://www.nontedurmas.org/actividades/ficha-de-inscricion-nos-obradoiros-fanpa-nadal-2017-2018/

mércores, 22 de novembro de 2017

Presentación da nova xunta directiva

Hoxe, mércores 22 de novembro de 2017 celebrouse unha asemblea extraordinaria de socios da ANPA para renovar a xunta directiva.


Presentouse unha única candidatura composta polas seguintes persoas:
  • Presidenta: Noela Quintana Martínez
  • Vicepresidenta: Xandra Revenga López
  • Secretaria: Carolina Arán Bernal
  • Tesoureiro: Javier González Paz
  • 1º Vogal: Daniel Boullosa Cortegoso
  • 2ª Vogal: María Curra Gamallo
  • 3ª Vogal: María Seco Piñeiro
Presentámonos:
Somos un grupo de pais e nais, dos cales algúns de nós xa pertencemos á xunta directiva da ANPA, e todos somos socios desta.
Cremos nunha escola pública e de calidade, de todos e para todos. Estamos convencidos tamén de que a ANPA xoga un importante papel na defensa desta educación.
O próposito deste proxecto é promover a identidade da ANPA como membro activo dentro da comunidade educativa, creando unha asociación aberta e dialogante, capaz de dar respostas e solucións a aquelas necesidades, carencias e melloras que poidamos ofrecerlle ao noso centro, e polo tanto, aos nosos nenos/as.
Propoñémonos uns obxectivos principais:
  • Establecer unha comunicación aberta e fluida cos distintos colectivos da comunidade educativa (familias, profesorado e alumnado) e os órganos de goberno que os representan (equipo directivo, Consello Escolar e Claustro de profesores/as).

  • Colaborar de maneira activa, eficaz e eficiente nas actividades educativas do centro e as súas necesidades dentro do marco do Proxecto Educativo.

  • Manter vivos os distintos mecanismos de participación e comunicación existentes e crear novos cando xurda a necesidade, co obxecto de facilitar a transparencia e a difusión das opinións dos socios, de xeito seguro e fiable.

  • Continuar coa xestión e supervisión das actividades extraescolares e doutras complementarias que poidan xurdir.

  • Buscar financiación para dar resposta ás necesidades que ten o noso centro a través de iniciativas propias organizadas pola ANPA, así como solicitar cantas axudas e subvencións poidamos pedir das Administracións Públicas competentes ou iniciativas privadas.

  • Asistir aos pais/nais/titores legais do alumnado en todas aquelas problemáticas ou iniciativas que se presenten, así como dar orientación en situacións puntuais de incertidume como son os inicios de curso, a incorporación de novas familias ao centro, etc.

Cremos firmemente na posibilidade de que na nosa ANPA se poidan defender distintas propostas e chegar a acordos a través do diálogo, porque a mellor educación para os nosos fillos/as é o exemplo que lles damos no día a día. Para iso, comprometémonos a poñer toda a ilusión, esforzo e dedicación e tratar de detectar, corrixir e mellorar os problemas que poidan xurdir e estean dentro do noso ámbito de actuación.

Por todo o anterior, animámosvos a participar en cantos debates se formulen, a asistir e opinar nas asembleas e, no caso de que o consideredes oportuno, a apoiar a nosa candidatura.


mércores, 15 de novembro de 2017

Guía sobre o acoso escolar

Dende a Delegación de Participación Ciudadana da Comisaría Provincial de Pontevedra envíannos, para a súa difusión, unha guía para detectar e actuar fronte ao acoso escolar. Nela podedes atopar información sobre:
  • a idade adecuada para ter un móbil con conexión a internet.
  • como saber se o noso fillo está sendo acosado.
  • como actuar nestes casos.
  • como previr o acoso.
  • cando debemos acudir ás Forzas e Corpos de Seguridade.
  • que podemos facer para previr o acoso.
  • como actuar co acosador.
  • as consecuencias legais do acoso.
Podedes consultar o manual AQUÍ.

Aproveitamos para comunicarvos a semana pasada fixéronse saídas e por despiste non se aplicou o desconto do 20% ás familias socias. Para non andar enviando cartos a través dos nenos e nenas o que faremos será descontar o que correspondía destas saídas nas próximas saídas que fagan. Desculpade as molestias.

Tamén vos lembramos que o próximo día 22 haberá asemblea de ANPA con renovación de xunta directiva. Animarvos a presentar a vosa candidatura e a participar no proceso electoral!

venres, 10 de novembro de 2017

Novo establecemento colaborador

Temos un novo establecemento colaborador que ofrece descontos do 5% aos socios da nosa ANPA. Trátase de Manualidades Arte, na rúa Joaquín Costa, 16.

Podedes ver e descargar a listaxe completa e actualizada de establecementos colaboradores no apartado "Faite socio / establecementos colaboradores" deste  blogue.

Aproveitamos para lembrarvos que para beneficiarse dos descontos que ofrecen todos estes establementos é preciso amosar o carné de socio da ANPA para o presente curso. Podédesvos facer socios en calquera momento. Para iso, hai que cubrir a ficha de datos e pagar a cota de 20€ (toda a información no apartado "Faite socio/establecementos colaboradores).

Tamén vos queremos lembrar que para que esta iniciativa teña éxito, contamos coa vosa colaboración, tanto se realizades algunha actividade comercial, e vos interesa ofrecer descontos ao colectivo de familias socias da ANPA, como se coñecedes establecementos interesados en adherirse.