venres, 29 de abril de 2016

Reunión informativa sobre reválidas

O vindeiro xoves día 5 de maio de 2016, ás 20.00h, a FANPA convoca unha reunión informativa co fin de despexar dúbidas sobre o proceso das reválidas de Primaria que como sabedes terán lugar en breve. A reunión terá lugar no auditorio do IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

A esta reunión aberta poden acudir tanto representantes das ANPA coma nais e pais que estean interesados. A FANPA pide que comuniquedes a vosa intención de concorrer a esta reunión co fin de prever o aforo necesario. Podédeslle enviar unha nota de intención de asistencia a info@nontedurmas.org ou confirmar asistencia no  Facebook.

Xunto con esta reunión, a FANPA está a elaborar unha declaración que resuma o máis claramente posible todas as cuestións e preguntas que están sobre a mesa.

Toda a información a tedes/teredes dispoñible no web da FANPA (http://www.nontedurmas.org/fanpa/fanpa-convoca-unha-reunion-informativa-sobre-as-revalidas/)

martes, 19 de abril de 2016

Lecturas de pais e nais

Lembrámosvos que segue en marcha a experiencia das lecturas no colexio, que comezamos hai seis anos. As lecturas no colexio consisten que nós, os pais e nais, vaiamos ler ás clases dos nosos fillos e fillas. Facémolo un venres, unha vez ao mes, durante o tempo de lectura que eles teñen cada día (de 12:10h a 12:35h). Os textos, o estilo literario e o idioma escollémolos nós, así como o curso ao que queremos ir ler. Incluso podemos ir ler cun neno ou nena de primaria ás clases de infantil.

Os que xa participamos máis veces nesta experiencia querémosvos animar a participar: aos nenos e nenas encántalles que as nais e pais vaiamos ao cole e para nós é unha experiencia moi divertida, ademais de enriquecedora para todos.

A iniciativa está enmarcada dentro do proxecto da Biblioteca e está incluída no Plan Xeral Anual do centro. As lecturas comezaron no mes de xaneiro, pero aínda estades a tempo de participar. O próximo día de lectura será o venres 29 de abril.


Para anotarvos, enviade un correo electrónico a anpa.froebel@gmail.com indicando o voso nome, e-mail e teléfono (Asunto: Lectura).

Se tedes algunha dúbida ou queredes informarvos máis en profundidade sobre esta actividade podedes falar con María Curra.



venres, 15 de abril de 2016

Concurso de debuxos, contos e curtametraxes

CEAPA convoca a primeira edición dun concurso dirixido a nenos/as e adolescentes sobre os dereitos da infancia. O concurso consta de tres categorías:



1. Concurso de debuxos dirixido a nenos/as e adolescentes (de 6 a 16 anos).

2. Concurso de contos dirixido a nenos/as e adolescentes (de 6 a 16 anos).

3. Concurso de curtas dirixido a adolescentes (de 12 a 16 anos).


A data límite para a entrega de traballos é o 30 de abril de 2016. Poderá participar no concurso calquera neno/a ou adolescente dun centro público cuxa ANPA estea asociada a unha das federacións e confederacións de CEAPA.

Podedes atopar toda a información na seguinte ligazón:
https://www.ceapa.es/content/i-concurso-de-ceapa-dirigido-ni%C3%B1osas-y-adolescentes-sobre-los-derechos-de-la-infancia-de



martes, 12 de abril de 2016

Finalistas do Certame de Relato Curto

O xurado do IV Certame de Relato Curto organizado pola FANPA anunciou onte a relación de finalistas. Son un total de 120 relatos que foron seleccionados entre os 720 que se presentaron. Os gañadores de cada categoría daranse a coñecer durante o acto de entrega de premios, que terá lugar o próximo día 31 de maio.

Podedes consultar toda a información no seguinte enlace: http://certame.nontedurmas.org/2016/04/11/finalistas-da-iv-edicion/

Parabéns aos seleccionados e boa sorte!!

xoves, 7 de abril de 2016

Novos establecementos colaboradores

Seguimos aumentando a listaxe de establecementos que ofrecen descontos aos socios da nosa ANPA.  Podedes ver e descargar a listaxe completa actualizada no apartado "Faite socio / establecementos colaboradores" deste  blogue.

Tamén vos queremos lembrar que para que esta iniciativa teña éxito, contamos coa vosa colaboración, tanto se realizades algunha actividade comercial, e vos interesa ofrecer descontos ao colectivo de familias socias da ANPA, como se coñecedes establecementos interesados en adherirse. 

martes, 5 de abril de 2016

A familia Sachoconto

Compartimos esta bonita iniciativa na que colabora o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, para que todos os nenos e nenas escoiten un conto antes de ir durmir.


A familia Sachoconto: unha horta chea de contos!
 
Uns cultivan tomates, outros ricas cenorias e a familia Sachoconto cultiva contos que agroman cheos de aventuras e diversión! Podedes escoitar unha historia diferente cada semana na sección Familia Sachoconto, no web de Pontevedra Viva Radio http://pontevedraviva.com/radio/programa/11/familia-sachoconto-pontevedraviva-radio/. Enviarémosvos semanalmente as ligazóns aos contos deste espazo no que colabora a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e aquí vos deixamos os tres primeiros contos:

- O dragón das palabras http://pontevedraviva.com/radio/emision/48/familia-sachoconto-pontevedraviva-radio/

- A tía Rita http://pontevedraviva.com/radio/emision/59/familia-sachoconto-pontevedraviva-radio/

- O monstro do canapé http://pontevedraviva.com/radio/emision/72/familia-sachoconto-pontevedraviva-radio/

Escoitade, imaxinade e...felices soños!