sábado, 28 de novembro de 2015

Cursos de formación para pais e nais

Nesta ocasión, a FANPA infórmanos duns cursos para os pais e nais. Trátase dunha serie de cursos gratuitos e a distancia, a través da plataforma de CEAPA. Abaixo, nas fotos, podedes ver a lista de cursos dispoñibles e as instruccións para acceder a eles. Pódense facer cantos se queiran e teñen certificado de aproveitamento.
Animádevos e aproveitade estes recursos.


 






venres, 27 de novembro de 2015

Outono en familia

Difundimos unhas actividades organizadas por Fanpa durante o mes de decembro, dentro do programa "Outono en Familia". 



xoves, 26 de novembro de 2015

Comedor e Madruga

Xa está actualizada a páxina dos servizos de comedor e Madruga cos menús e programas de actividades para o mes de decembro, así coma os horarios de recollida.

Lembrámosvos tamén que existe unha titora do comedor que pertence a Serunión, empresa que presta o servizo de comedor, e podedes falar persoalmente con ela nos días e horas establecidos para tal efecto. Para o mes de decembro, o horario de titoría é o día 4 de 15.00 a 16.00h.

Ademáis, se tendes algunha queixa ou reclamación sobre o servizo de comedor, podédesvos poñer en contacto en calquera momento con Cristina Vázquez-Lescaille Carpintero, vicepresidenta da ANPA e delegada de comedor.

mércores, 18 de novembro de 2015

Convocatoria de asemblea extraordinaria

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha asemblea extraordinaria, que se celebrará o martes día 1 de decembro de 2015, ás 18:45h en primeira convocatoria e ás 19:00h en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:
  1. Lectura e aprobación da acta anterior.
  2. Informe da Xunta Directiva sobre a reunión mantida coa concelleira de Educación Carmen Fouces e outras actividades postas en marcha.
  3. Aprobación se procede da proposta da Xunta Directiva de subvencionar os/as alumnos/as que fagan o intercambio cultural coa escola Carvour de Catania (Italia) cunha cantidade fixa e un tope de gasto.
  4. Aprobación de medidas a tomar ante a non aparición das obras do colexio, prometidas polo Xefe Territorial de Educación, nos orzamentos da Xunta do 2016.
  5. Rogos e preguntas.

Haberá servizo de gardería de 19:00h a 20:30h para todos os que o precisedes.

Se aínda non te fixeches socio/a e estás interesado en asociarte, aínda podes. Descarga AQUÍ a ficha e entrégaa na caixa de correo da ANPA, xunto co xustificante de pago da cota.


luns, 16 de novembro de 2015

Charla/coloquio "Adopción e escola"

Compartimos información dunha charla/coloquio sobre "Adopción e escola" por se é de interese para alguén.

O SÁBADO 28 DE NOVEMBRO ás 12:00 horas MANAIA organiza a charla/coloquio "ADOPCIÓN E ESCOLA", a cargo de MIREIA SALA TORRENT, na Sala Valdecorvos, no 2º andar da CASAZUL de Pontevedra, (rúa de Sor Lucía, 2 - 36002 Pontevedra).
                                   (Entrada de balde)
---------------------------------------------------------------------------------

Moitos nenos que padeceron privacións iniciais a nivel nutricional, sensorial, relacional e afectivo vense sometidos a unha presión académica con estrés e frustración continua que non lles permite poder recuperar e reconstruír os baleiros existentes no seu proceso madurativo e á vez vivir a aprendizaxe desde a motivación e o pracer. 
As carencias iniciais comportan consecuencias psicolóxicas e de aprendizaxe que interactúan entre si, e ás que os profesionais debemos dar resposta desde unha visión integral e unha contorna pluridisciplinar. Por este motivo, esta charla ten como obxectivo dar a coñecer e sensibilizar á contorna familiar e escolar de como estes estados de carencia poden afectar ao desenvolvemento das competencias cognitivas, lingüísticas, conductuales, afectivas e de interacción social. 
Temas a tratar:
· Desventaxas dos nenos adoptados no sistema escolar
· As dificultades de linguaxe e aprendizaxe máis frecuentes en nenas e nenos e en mozas e mozos adoptados
· Reaccións emocionais derivadas do propio proceso de aprendizaxe
· Dificultades no diagnóstico de TDAH e dislexia
· Pautas educativas para familias e mestres

MIREIA SALA TORRENT.-
Psicopedagoga e logopeda
Directora de Trivium (Centro de linguaxe e aprendizaxe)
Profesora da FPCEE Blanquerna. Universitat Ramon Llull
Decana do Colexio de Logopedas de Catalunya

xoves, 12 de novembro de 2015

Voluntarios para o Camiño Escolar

O Concello de Pontevedra, despois de poñer en marcha o Camiño Escolar Seguro, solicita voluntarios e voluntarias para axudar a cruzar aos nenos e nenas nos pasos de peóns durante as horas de entrada e saída do colexio. A idea inicial de facer a cidade máis segura para os nenos e nenas contemplaba a idea do voluntariado nas rúas, con habitantes da contorna escolar, e é un tema que desexan retomar para que realmente exista unha verdadeira conexión entre os habitantes do barrio.

Por iso búscanse persoas voluntarias para estar, entre as 8:40h e as 9:10h da mañá e entre as 13:50 e as 14:20h da tarde, nos pasos de peóns, axudando aos nenos e nenas no que poidan necesitar.

Se estás interesado ou coñeces a alguén que o estea (vale calquera adulto de calquera idade), por favor ponte en contacto coa ANPA. Podes cubrir cos teus datos a seguinte FICHA e entregala na caixa de correos da ANPA antes do día 30 de novembro para que o Concello poida poñerse en contacto contigo. 

Día Mundial da Diabete

A Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA) organiza un acto en colaboración co Concello de Pontevedra mañá venres 13 de novembro de 2015 con motivo do Día Mundial da Diabete.

Ás 20.00 horas procederase á iluminación da Casa do Concello, na Praza de España, de cor azul, en cumprimento dunha campaña que se realiza este mesmo día en todos os países do mundo para visibilizar esta enfermidade.

No caso de Pontevedra, ás 20.00 horas procederemos á lectura dun manifesto elaborado polos nenos e nenas con diabete da nosa asociación con motivo deste Día Mundial e despois iluminarase a Casa do Concello. Todo o acto estará amenizado pola música do grupo Maravallada.

mércores, 4 de novembro de 2015

Días non lectivos

Comunicámosvos que os dous días non lectivos elixidos polos centros públicos de Pontevedra son o 7 de decembro de 2015 e o 16 de maio de 2016, polo que eses días non haberá colexio, aínda que son días laborais.

Aproveitamos tamén para lembrarvos os periodos de vacacións deste curso escolar:

Vacacións de Nadal: do 21 de decembro ao 6 de xaneiro, ambos os dous inclusive.

Entroido: 8, 9 e 10 de febreiro.


Vacacións de Semana Santa: do 21 ao 28 de marzo, ambos os dous inclusive.