xoves, 26 de outubro de 2017

Convocatoria de asembleas ordinaria e extraordinaria

CONVOCATORIA ASEMBLEA ORDINARIA ANPA

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha asemblea ordinaria, que se celebrará o mércores día 22 de novembro de 2017, ás 18:30h en primeira convocatoria e ás 19:00h en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

  1. Lectura e aprobación da acta anterior.
  2. Aprobación de contas curso 2016-17.
  3. Presentación de memoria de actividades curso 2016-17.
  4. Rolda de intervencións.




CONVOCATORIA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA ANPA

Convocamos a todos os socios e socias da ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel a unha asemblea extraordinaria, que se celebrará o mércores día 22 de novembro de 2017, ás 19.00h en primeira convocatoria e ás 19:30h en segunda convocatoria, coa seguinte orde do día:

  1. Eleccións da xunta directiva.



Haberá servizo de gardería de 19:00h a 20:00h para todos os que o precisedes.


As candidaturas á xunta directiva presentaranse por escrito dirixido ao secretario da asociación dende a data da convocatoria da asemblea extraordinaria e ata o día e hora das votacións.
O procedemento de elección será o seguinte:
a) Presentación de candidaturas ata o momento da asemblea na que se farán as votacións para a elección.
b) Cada candidatura disporá dun máximo de 10 minutos para a súa presentación aos asociados, decidindo a orde de intervencións nun sorteo previo.
c) As votacións faranse polo procedemento de voto secreto en urna.
d) Cada socio con dereito a voto, previa presentación da súa identificación, depositará o seu voto na urna elixindo unha das candidaturas.
e) O secretario, en presencia dos candidatos e todos os socios que o desexen, fará o reconto de votos unha vez finalizada a votación. No caso de empate a votos, procederase a unha segunda rolda de votacións para decidir só entre as candidaturas empatadas con maior número de votos.
f) Proclamarase vencedora a lista máis votada; e, por conseguinte, quedarán investidos todos os seus membros como nova xunta directiva.
g) De non terse presentado ningunha candidatura ata o momento do comezo da sesión de votacións, a asemblea xeral poderá nomear un presidente que quedará facultado para elixir o resto de cargos entre os socios.


O censo será pechado coa data da convocatoria, 25 de outubro do 2017.

(Podedes consultar o texto completo dos novos estatutos AQUÍ).  

Roteiros en familia 2017-18

Infórmannos desde a FANPA sobre a actividade Roteiros en familia, que ten como finalidade pasar tempo de lecer na natureza, e aumentar o coñecemento da nosa contorna.

Está aberto o prazo de inscrición. Podedes consultar todas a rutas e as datas, así como descargar a ficha de inscrición, no seguinte enlace: http://www.nontedurmas.org/actividades/roteiros-en-familia-2017/

sábado, 21 de outubro de 2017

Renovación da xunta directiva



O próximo mes de novembro celebraremos unha Asemblea Ordinaria para todos os socios na que aprobaremos contas e faremos unha memoria das actividades realizadas.  

A continuación, celebraremos unha Asemblea Extraordinaria para renovar a xunta directiva actual. É por iso que vos queremos animar a todos os socios a que presentedes a vosa candidatura para formar parte da xunta directiva da ANPA.

Cada candidatura débese compoñer de 7 socios, tal e como se establece nos estatutos que aprobamos en asemblea o curso pasado e que foron aprobados recentemente pola Xunta de Galicia (podedes consultar o documento completo 
AQUÍ. O artigo 13º refírese ao proceso de renovación da xunta directiva). 

Informaremos por distintos medios sobre a data desta asemblea no momento en que se convoque oficialmente, cos prazos e a forma para presentar as candidaturas.

De momento simplemente vos queremos avisar para que o vaiades pensando e vos vaiades organizando. A xunta directiva actual deixámolo, algúns porque os nosos fillos/as se van do colexio, e todos porque cremos que é necesario a renovación para activar a asociación. O sistema educativo necesita das nais e pais e as vosas fillas e fillos agradeceránvolo. 

Animádevos a participar!


luns, 2 de outubro de 2017

Lecturas de pais e nais

Outro ano máis queremos continuar coa experiencia que comezamos hai xa oito anos de lecturas no colexio, e para iso precisamos da vosa colaboración.
As lecturas no colexio consisten en que nós, nais e pais, vaiamos ler ás clases dos nosos fillos e fillas. Facémolo unha vez ao mes, durante o tempo de lectura que eles teñen cada día (de 12:10h a 12:35h). Os textos, o estilo literario e o idioma escollémolo nós, así como o curso ao que queremos ir ler, incluso podemos ir ler cun neno ou nena de primaria ás clases de infantil.
Este curso imos seguir, coma o ano pasado, dando a posibilidade de que escollades o día, a elixir entre o xoves ou o venres da segunda semana de cada mes.
Os que xa participamos máis veces querémosvos animar a participar: aos nenos e nenas encántalles que as nais e pais vaiamos ao cole e para nós é unha experiencia moi divertida, ademais de enriquecedora para todos.
Os que esteades interesados en participar enviade un correo electrónico (antes do luns 9 de outubro) a: anpa.froebel@gmail.com indicando o voso nome, e-mail e teléfono (Asunto: Lecturas). Antes das primeiras lecturas faremos unha pequena reunión para os que vos animedes por primeira vez. Xa avisaremos a través do correo electrónico.
Se tedes algunha dúbida ou queredes informarvos máis en profundidade sobre esta actividade podedes falar con María Curra. Tfno: 652818009.

Moitas grazas e animádevos!