mércores, 22 de novembro de 2017

Presentación da nova xunta directiva

Hoxe, mércores 22 de novembro de 2017 celebrouse unha asemblea extraordinaria de socios da ANPA para renovar a xunta directiva.


Presentouse unha única candidatura composta polas seguintes persoas:
  • Presidenta: Noela Quintana Martínez
  • Vicepresidenta: Xandra Revenga López
  • Secretaria: Carolina Arán Bernal
  • Tesoureiro: Javier González Paz
  • 1º Vogal: Daniel Boullosa Cortegoso
  • 2ª Vogal: María Curra Gamallo
  • 3ª Vogal: María Seco Piñeiro
Presentámonos:
Somos un grupo de pais e nais, dos cales algúns de nós xa pertencemos á xunta directiva da ANPA, e todos somos socios desta.
Cremos nunha escola pública e de calidade, de todos e para todos. Estamos convencidos tamén de que a ANPA xoga un importante papel na defensa desta educación.
O próposito deste proxecto é promover a identidade da ANPA como membro activo dentro da comunidade educativa, creando unha asociación aberta e dialogante, capaz de dar respostas e solucións a aquelas necesidades, carencias e melloras que poidamos ofrecerlle ao noso centro, e polo tanto, aos nosos nenos/as.
Propoñémonos uns obxectivos principais:
  • Establecer unha comunicación aberta e fluida cos distintos colectivos da comunidade educativa (familias, profesorado e alumnado) e os órganos de goberno que os representan (equipo directivo, Consello Escolar e Claustro de profesores/as).

  • Colaborar de maneira activa, eficaz e eficiente nas actividades educativas do centro e as súas necesidades dentro do marco do Proxecto Educativo.

  • Manter vivos os distintos mecanismos de participación e comunicación existentes e crear novos cando xurda a necesidade, co obxecto de facilitar a transparencia e a difusión das opinións dos socios, de xeito seguro e fiable.

  • Continuar coa xestión e supervisión das actividades extraescolares e doutras complementarias que poidan xurdir.

  • Buscar financiación para dar resposta ás necesidades que ten o noso centro a través de iniciativas propias organizadas pola ANPA, así como solicitar cantas axudas e subvencións poidamos pedir das Administracións Públicas competentes ou iniciativas privadas.

  • Asistir aos pais/nais/titores legais do alumnado en todas aquelas problemáticas ou iniciativas que se presenten, así como dar orientación en situacións puntuais de incertidume como son os inicios de curso, a incorporación de novas familias ao centro, etc.

Cremos firmemente na posibilidade de que na nosa ANPA se poidan defender distintas propostas e chegar a acordos a través do diálogo, porque a mellor educación para os nosos fillos/as é o exemplo que lles damos no día a día. Para iso, comprometémonos a poñer toda a ilusión, esforzo e dedicación e tratar de detectar, corrixir e mellorar os problemas que poidan xurdir e estean dentro do noso ámbito de actuación.

Por todo o anterior, animámosvos a participar en cantos debates se formulen, a asistir e opinar nas asembleas e, no caso de que o consideredes oportuno, a apoiar a nosa candidatura.


Ningún comentario:

Publicar un comentario